| Medio Rural publica as novas condicións que deben cumprir os viños da terra |
| Venres, 09 Maio 2008 00:00 | |||
|
Santiago de Compostela O DOG recolle tres ordes coas características dos viños elaborados nas áreas xeográficas delimitadas para acollerse ás denominacións “Viño da Terra de Betanzos”, “Viño da Terra Val do Miño-Ourense” e “Viño da Terra de Barbanza e Iria”. O órgano encargado do control e da certificación será o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal). Os viticultores deberán ter as viñas legalmente inscritas no Rexistro Vitícola de Galiza, as adegas de elaboración estarán no Rexistro de Industrias Agrarias e os embotelladores terán que figurar no Rexistro de envasadores. O Regulamento que establece a organización común do mercado vitivinícola determina que os Estados membros poderán establecer condicións para a utilización de indicacións xeográficas na designación dos viños de mesa. Ademais, prevé que poderá utilizarse na designación dun viño de mesa con indicación xeográfica a mención viño da terra acompañada do nome da unidade xeográfica, como é o caso dos viños da terra de Betanzos, Val do Miño-Ourense e Barbanza e Iria. No ámbito territorial de Galiza existen na actualidade tres indicacións xeográficas de viño da terra, o Viño da Terra de Betanzos, o Viño da Terra Val do Miño-Ourense e o Viño da Terra de Barbanza e Iria. A evolución destas denominacións xeográficas e a creación desta última pon de manifesto a necesidade de mellorar e cambiar determinados aspectos referidos ao seu funcionamento, co fin de garantir un maior control da orixe destes viños, das condicións da súa elaboración e da súa calidade. Por iso, considérase conveniente establecer unha nova regulación que modifique a anterior en determinados aspectos, para o logro dos obxectivos sinalados. Así, o control e certificación dos viños da terra será realizado polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal). Porén, a vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia vitivinícola será realizada polos servizos provinciais competentes en materia de industrias e calidade agroalimentaria. Os viticultores que produzan uvas con destino á elaboración destes viños da terra deberán ter as viñas legalmente inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia, con indicación de que a produción se pretende amparar baixo a denominación. Ademais, deberán comunicarlle ao órgano de control e certificación a data de recepción da vendima, cunha antelación mínima de sete días, coa finalidade de que poida ser sometida aos controis pertinentes. Así mesmo, tamén se notificará a data de remate da vendima nun prazo de 48 horas. Os operadores que embotellen viños que pretendan ser comercializados como viños da terra deberán ter inscrita a adega no Rexistro de industrias agrarias e no Rexistro de envasadores e embotelladores de viños e bebidas alcohólicas da delegación provincial da consellería competente en materia de agricultura, sen prexuízo da súa inscrición noutros rexistros en que fose obrigatorio. Para manter unha axeitada rastrexabilidade do produto, os viños que pretendan ser amparados pola mención viño da terra deberán ser elaborados e embotellados en instalacións situadas na área xeográfica de produción delimitada. A adega comercializadora é responsable de que o viño que poña no mercado baixo a denominación xeográfica correspondente para que cumpra coas condicións impostas nas súas normas reguladoras e deberá dispoñer das probas que o acrediten respecto de todas as partidas de viño comercializadas. Para iso, todos os lotes comercializados (entendendo como tal o viño identificado pola adega que presenta características homoxéneas) deberán ser sometidos ás necesarias análises químicas e organolépticas. O embotellamento destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.
|















































