Ingacal

Datos de contacto

Instituto Galego da Calidade Alimentaria - INGACAL
Pazo de Quián S/N - Sergude
CP: 15881 Boqueixón
A Coruña

Tel.: 881 997 276
Fax: 981 546 676

ingacal@xunta.es

Utilidades

  • sixpac
    SIXPAC

    Sistema de Información
    Xeográfica de Parcelas

xunta_mediorural
winetech
fogga
agader
bantegal
seaga
comarcas
xeneticafontao
A nova Orde do Viño da Terra de Val do Miño-Ourense contempla a ampliación ata 14 concellos e modifica cuestións técnicas para mellorar a calidade dos caldos amparados
Martes, 10 Febreiro 2009 00:00

Ourense

Medio Rural publicará no DOG do vindeiro venres o novo regulamento desta denominación que recolle a demanda histórica de moitos viticultores de ampliar a área xeográfica amparada en 22 parroquias máis da provincia de Ourense.
Nestes intres hai xa 500 hectáreas inscritas no rexistro vitícola desta indicación xeográfica e, mediante a ampliación, poderase duplicar o territorio produtivo e acadar, no medio prazo, unha produción de 3.000.000 de quilos de uva anuais.
O conselleiro Alfredo Suárez Canal enmarcou esta nova norma na aposta do seu departamento polas producións de calidade, “que contribúen a mellorar a renda dos produtores, a xerar valor engadido e riqueza e a fixar poboación no rural”.

A Consellaría do Medio Rural vén de aprobar a “Orde pola que se modifica e refunde a normativa reguladora da indicación xeográfica Viño da Terra de Val do Miño-Ourense”, que sairá publicada este venres no Diario Oficial de Galiza e que hoxe foi presentada polo seu titular, Alfredo Suárez Canal, na capital ourensá. Segundo explicou, as principais novidades desta nova norma atinxen á area de produción (que se amplía en 7 concellos, ou o que é o mesmo, en 22 parroquias) e á adaptación ás normativas europeas (nova OCM do viño), estatais e autonómicas que entraron en vigor desde a publicación da primeira orde que regulaba esta indicación xeográfica, no ano 1987. Así mesmo, tamén se modifican determinados parámetros técnicos que lle afectan á produción e á elaboración dos viños amparados e que, en palabras do conselleiro, “redundarán nunha maior calidade e adecuación ás demandas do mercado vitivinícola actual”.

Tal e como viñan demandando nos últimos anos os produtores desta comarca, a Consellaría aprobou a ampliación da área xeográfica amparada, quedando acollidas as seguintes parroquias dun total de 14 concellos: en Amoeiro (Parada de Amoeiro e Trasalba); en Barbadás (Barbadás, Bentraces, Loiro, Piñor, Sobrado do Bispo e A Valenzá); en Cartelle (Cartelle, Santo Tomé e Sande); en Coles (A Barra, Coles, Gueral, Gustei, Melias, Ribela e Santo Eusebio da Peroxa); en Gomesende (A Guía, O Pao, Poulo, San Lorenzo de Fustáns e O Val); en Nogueira de Ramuín (Moura e San Miguel do Campo); en Ourense (Beiro, Cabeza de Vaca, Canedo, O Castro de Beiro, Ceboliño, Cudeiro, Montealegre, Ourense, Palmés, Rairo, Reza, Santa Mariña do Monte, Santiago das Caldas, Seixalbo, Tras do Hospital, Trasalba, Velle, Vilar de Astrés e Vista Fermosa); en Padrenda (O Condado, Crespos, Desteriz e Padrenda); en Pereiro de Aguiar (Calvelle, A Lamela, Melias, Sabadelle, San Xoán de Moreiras, Tibiás e Vilariño); na Peroxa (Gueral, A Peroxa e Vilarrubín); en Pontedeva (Pontedeva e Trado); en Quintela de Leirado (Quintela de Leirado); en San Cibrao das Viñas (Noalla, Pazos de San Clodio, Rante, San Cibrao das Viñas, Santa Cruz da Rabeda e Soutopenedo) e, por último, en Toén (Moreiras, Mugares, Toén, Trelle e Xestosa).

Con esta ampliación, o conselleiro sinalou que “a práctica totalidade da provincia de Ourense conta con algún tipo de protección para a produción de alimentos de calidade, o que demostra o potencial do seu sector agrogandeiro, especialmente do subsector vitivinícola, que é unha importantísima fonte de ingresos, de fixación de poboación e de mantemento do territorio produtivo”.

Precisamente, a Consellaría acometeu a reforma na Orde do Viño da Terra de Val do Miño-Ourense co obxectivo de mellorar as condicións de traballo e o nivel de renda dos produtores desta zona, que desde a década dos 70 viu minguada á metade a súa poboación. Neste sentido, Suárez Canal amosouse convencido de que a norma fomentará a incorporación de novos activos ao sector do viño, tanto no eido produtor como no transformador, e o incremento das plantacións. Nestes intres hai xa 500 hectáreas rexistradas no Rexistro Vitícola da denominación, aptas para o cultivo das variedades preferentes (Treixadura, Torrontés, Godello, Albariño e Loureira en brancas e Mencía, Brancellao, Mouratón, Sousón e Caíño en tintas), así como das complementarias, Xerez e Garnacha. Segundo os Servizos Técnicos da Consellaría, a ampliación da área xeográfica pode supoñer un incremento da zona de cultivo doutras 500 hectáreas e, no horizonte de 10 anos, a produción pode acadar os 3 millóns de quilos anuais. Nestes intres o potencial produtivo é dun millón de quilos, aínda que a maior parte da uva colleitada se dedica a autoconsumo e tan só se transforman 100.000 quilos para a súa comercialización como viño amparado. Esta situación tamén vai cambiar, segundo indicou Suárez Canal, “porque xa existen proxectos empresariais que prevén absorber toda esa produción e mesmo están dispostos a asinar contratos homologados na vindeira campaña, a través dos cales non só se garanta a recollida de toda a uva senón tamén o pagamento dun prezo de referencia que lle asegure unha renda digna ao produtor”.

Mellora da calidade

Por outra banda, a reforma da Orde tamén serviu para adaptala ao novo marco legal aberto tras a aprobación da última OCM do viño, así como das últimas normativas estatais e autonómicas (como é o caso da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega). Esta actualización vai permitir, segundo subliñou Suárez Canal, unha adecuación ás demandas actuais do mercado do viño e unha mellora da calidade dos caldos amparados. Neste sentido modifícanse, entre outros parámetros técnicos, os rendementos máximos por hectárea, que pasan de 14.000 a 10.000 quilos; suprímese a referencia á densidade de cepa por hectárea ao non considerarse relevante na calidade final do produto; increméntase o rendemento na extracción de mosto ata os 70 litros por cada 100 quilos de uva; establécese como gradación alcohólica mínima os 9,5 graos e modifícanse os rangos de acidez e de contido en sulfurosos para adecualos ás actuais esixencias normativas da vitivinicultura. En definitiva, o conselleiro avaliou esta modificación como un impulso integral á produción de viño de calidade nesta zona, que se enmarca dentro da estratexia política da Consellaría ante a nova OCM do viño e que, co tempo, pode acabar configurando unha nova protección xeográfica para os caldos desta indicación que permita incrementar aínda máis o seu valor engadido e acadar novas cotas de mercado.